Informámosvos das novidades con respecto á programación de actividades extraescolares que deseñamos para este curso 2025-2026, xa que a data de inicio das mesmas varía en función de cada unha delas.
Desde o vindeiro luns, co inicio do curso escolar, darán comezo as actividades de:
–Fútbol.
–Judo.
–Baloncesto.
-Cóxegas.
O resto de actividades comezarán a impartirse no mes de outubro, sempre que se alcancen os mínimos para crear grupo.
Ata o día 15 de setembro, cando se peche o prazo de inscrición para as actividades, non podemos fixar as actividades que finalmente serán impartidas (as que consigan un mínimo de persoas) e as que non (que non o consigan).
No que respecta ao programa Cóxegas, que nos facilita a Federación de ANPAS da Coruña, este se ofrecerá de 16 a 17 horas, de luns a venres. A segunda hora (17 a 18 horas) non rexistrou as solicitudes mínimas para conformar grupo.
Actividades a través da empresa ACTIVA
Lembrarvos que esta semana, en concreto o vindeiro MÉRCORES, DÍA 10, celebrarase unha reunión informativa para as familias que inscribiron aos seus nenos/nenas nas actividades deseñadas a través de ACTIVA, que son INGLÉS, ESCOLA DE ARTISTAS ou LETTERING/COMIC. Esta reunión desenvolverase na BIBLIOTECA do Cole a partir das 16.30 horas.
Desde a empresa comunícanos que a súa plataforma tivo algúns problemas durante estas semanas. Por iso, recomendámosvos que entredes con posterioridade na plataforma para confirmar que, efectivamente, a inscrición quedou rexistrada porque cabe a posibilidade de que non fora así.
Aínda hai posibilidade de formalizar inscricións nas actividades. Recomendámosvos non deixalo para o último día e lembrade que é IMPRESCINDIBLE aboar a cota da ANPA e o seguro correspondente a este curso.